O PSdeG alerta dunha plantación de eucalipto en terreos de protección natural en Aranga


O voceiro de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de alertar dunha nova macroplantación de eucalipto en terreos de protección natural en Aranga onde se ordenarán 120 hectáreas tralo “errado intento de recalificalas” para unha zona residencial e un polígono. Fíxoo, a través dunha pregunta ao goberno galego na Comisión de Medio Rural do Parlamento.

“A explotación do eucalipto chega despois de que Aranga impulsase unha modificación puntual do plan xeral para tentar reducir a superficie de chan protexido, dado que a ampliación da Rede Natura estaba paralizada”, denunciou Seco, quen incidiu que “informes técnicos desaconsellaron o cambio e advertiron da degradación de varios dos ecosistemas pola proliferación do eucalipto”.