O PSdeG amosa o seu «claro rexeitamento» ante as manifestacións de Paula Mouzo sobre a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua

2 minutes read

O secretario xeral do PSdeG-PSOE  Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, amosa o seu «claro rexeitamento» ante as manifestacións realizadas pola deputada do PP no Parlamento galego Paula Mouzo sobre a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua.

Para o socialista, trátase dunhas declaracións «totalmente inapropiadas nunha servidora pública e totalmente vergoñentas, de aí que esixamos á señora deputada a súa rectificación e que pida desculpas a todos os veciños e veciñas de Camariñas».

Fernández Piñeiro sinala que Mouzo lle falta ao respeto á veciñanza do municipio cando afirma que a alcaldesa de Camariñas, cando se fala de narcotráfico, baixa a cabeza porque non quere perder votos.

«Facer unha relación entre as persoas que votan, maioritariamente por certo, á alcaldesa de Camariñas, outorgándolle xa varias maiorías absolutas, e o narcotráfico é unha auténtica falta de respecto, como digo, non á alcaldesa, se non aos veciños e veciñas de Camariñas aos que esta señora pretende representar algún día», afirma.

«Esixímoslle que rectifique, que pida desculpas, e de non facelo, esixímoslle ao seu superior inmediato, que é o señor Rueda, que tome cartas no asunto e que lle obrigue a desculparse ante todos os veciños e veciñas de Camariñas por unhas desafortunadas, cando menos, e sendo bastante xeneroso co termo, declaracións no Parlamento», engade.

O secretario xeral provincial insiste en que «non é de recibo por parte dunha servidora pública, por parte de toda unha deputada, facer unha afirmación desas características». «En Galicia e en España sabemos perfectamente de que lado están as relacións entre a política e o narcotráfico e non é do lado precisamente do PSdeG», apunta.

Conclúe recomendándolle a Mouzo mirar «dentro das súas propias filas o ocorrido no pasado, do que hai boa mostra tanto en imaxes como en distintos medios de comunicación, antes de facer afirmacións calumniosas e intolerables como esas».