O PSdeG celebrará as primarias o 17 de setembro

A Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, reunida este sábado en Santiago, fixou o 17 de setembro como data da celebración das primarias nas que se escollerá ao candidato ou candidata do partido á presidencia da Xunta.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, compareceu no transcurso da reunión da dirección do partido, na que analizaron en profundidade os resultados do 23 de xullo en Galicia, ao tempo que marcou os prazos das eleccións primarias do partido.

Dixo que era o inicio dun “proceso ilusionante que é o da activación da democracia e da soberanía do voto” que exercerán os arredor de 10.000 militantes socialistas convocados ás urnas. Segundo informa o PSdeG, Formoso puxo en valor que “este é o sistema que a cidadanía valora».

O número un dos socialistas galegos tamén fixo un chamamento a que “aprendamos das leccións” para aspirar a un cambio de goberno na Xunta “que só é posible, matemática, histórica e loxicamente se o PSdeG lidera as forzas de esquerdas en Galicia e a espertar un país que ten dereito a soñar”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha