O PSdeG censura o que califica de ‘fracaso da política enerxética da Xunta’


A voceira de Enerxía do Grupo Socialista, Noelia Otero, vén de censurar o que denominou como o “fracaso” da política enerxética da Xunta caracterizada por “improvisacións lexislativas” realizadas “de xeito unilateral” e que “só” xeran “divisións e inseguridade xurídica” entre os diferentes actores implicados.

Ocorreu no pleno do Parlamento, ante unha pregunta ao goberno galego, que chega despois de que nos últimos meses a xustiza tombase ata tres das súas decisións para aprobar parques eólicos, entre eles, o do Roncudo, en Corme, por considerar a súa autorización “contraria á normativa europea”.

Ante isto, Otero pediu ao goberno galego que “adapte” o modelo eólico “a estes tempos” para poder “seguir avanzando, pero dun xeito planificado, sustentable, responsable e máis xusto”, pero por riba de todo, “consensuado” da man de comunidades rurais, concellos ou asociacións eólicas, entre outros.