A deputada socialista Noelia Otero lamentou o que definiu coma xestión “pouco limpa e pouco democrática” dos recursos humanos da CRTVG. Fíxoo mediante unha pregunta ao director xeral da Corporación, na que alertou das prácticas empregadas para, segundo dixo, “empregar falsos locutores e locutoras que, en realidade, desenvolven funcións propias da categoría de redactor”. Ese, segundo denuncia o Comité de Empresa, parece ser o obxectivo da nova convocatoria de probas para ampliar a listaxe de locutor de radio, que vén de celebrar a CRTVG alegando “falta de persoal”. Así, Noelia Otero explicou que os propios traballadores e traballadoras consideran que este tipo de convocatorias representan “unha burla” e “unha arbitrariedade”, xa que serven para “esquivar os chamamentos na listaxe de contratación de redactor da Radio Galega”. Outro dos posibles aspectos arbitrarios, segundo denuncia o Comité, estaría na introdución unilateral dun requisito excluínte para presentarse ás probas. É o que fai referencia á nota media de expediente académico e que ata o de agora nunca se utilizara.
26