O deputado do Grupo Socialista Pablo Arangüena denunciou que a Xunta de Galicia vaia financiar con 20.000 euros de cartos públicos a instalación dun cruceiro de pedra en Miami. Trátase, alertou, dun gasto inxustificable en plena época de crise e cando “hai necesidades máis prioritarias e crecentes que atender” para a comunidade galega do estranxeiro. Evidenciou que a iniciativa non responde a ningún dos 14 obxectivos que recolle a Lei galega de acción exterior e que atenta contra os principios constitucionais de obxectividade, eficacia e eficiencia no gasto público. Arangüena incidiu en que cando un xestor público decide que vai gastar 20.000 euros na instalación dun cruceiro no estranxeiro “ten que ter moi claro que eses cartos non estarían mellor investidos en atender as necesidades sanitarias, económicas ou sociais da comunidade galega no exterior”.
31