- O BNG solicitou este mércores no Parlamento de Galicia a convocatoria da Deputación Permanente para que o conselleiro de Sanidade dea explicacións.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, critica o que denomina de “inacción” da Xunta de Galicia ante un problema “estrutural” cando, pese ás advertencias e tras 12 anos no goberno, “continúan a senda de recortes e desprezo á sanidade pública galega”, afirma Caballero, quen ademáis esixiu responsabilidades a Feijóo pola situación “indignante” da Atención Primaria tralos “graves problemas” en centros de saúde de toda Galicia e, especificamente, trala decisión do Sergas de pechar as consultas en 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo, onde di, «os profesionais só atenden urxencias e cuestións vinculadas á covid».
Caballero lembrou que “no 2018 ocorreu un feito sen precedentes” cando “22 xefes de servizo e da unidade de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo dimitiron en bloque para denunciar a precariedade do servizo e a sobrecarga asistencial”. Malia esta dimisión, que foi apoiada con centos de sinaturas doutros compañeiros e compañeiras, “a Xunta continuou a súa senda de recortes e desprezo á sanidade pública galega”, concluíu.
Postura do BNG
O BNG solicitou este mércores no Parlamento de Galicia a convocatoria da Deputación Permanente.
Queren un pleno extraordinario no que o conselleiro de Sanidade explique a razón pola que catorce centros de saúde da área de Vigo restrinxiron a súa actividade só a casos de covid e de urxencias.
O Sergas xa informou de que é unha medida provisional que pretende axudar os profesionais sanitarios a soportar a actual presión da pandemia, ante o déficit de persoal neses centros.