O PSdeG da Laracha presenta unha moción pedindo medios para a limpeza de pellets

2 minutes read

O PSdeG-PSOE da Laracha presentou no Concello unha moción na que se reclama á Xunta que poña a disposición dos concellos afectados todos os medios técnicos, económicos e humanos para facer fronte aos traballos de limpeza e retirada dos pellets.

A moción reclama así mesmo a creación dun comité de crise e a realización en colaboración con Universidades e laboratorios independentes de todos os estudos necesarios para aclarar a composición do material vertido.

No texto, os socialistas da Laracha critican “as contradicións dos distintos responsables da Xunta, e cargos do PP, en relación coas características, composición e sobre todo posible toxicidade ou non do material que chega ás nosas costas, sen ter a estas alturas a constatación de si pode ser ou non prexudicial”.

Consideran este xeito de actuar “todo un despropósito, que pon negro sobre branco a nefasta xestión da Xunta de Galicia presidida por Alfonso Rueda dunha nova catástrofe nas costas galegas”, destacando o tempo transcorrido entre as alertas á Xunta do vertido e o comezo da toma de medidas por parte desta.

Os socialistas denuncian que a xestión desta problemática “seguiu ao pé da letra o manual do Prestige, minimizando as consecuencias do vertido e actuando tarde, mal e arrastrado pola presión social, mentindo e ocultando información e responsabilizando aos demais daquilo que é da súa competencia”.

A moción propón que participen do comité de crise, ademais das autoridades autonómicas, “o goberno central, a Fegamp e todos os alcaldes/as dos municipios afectados dende o inicio da crise con independencia do nivel que sexa preciso activar, co fin de que poidan participar directamente na resolución do problema”.

Tamén se reclama á Xunta “a elaboración de material informativo que poñerá a disposición de confrarías, asociacións, mercados, peixerías, etc. para evitar calquera dúbida que as consumidoras e consumidores poidan ter sobre a excelente calidade do produto que se extrae das nosas costas e comercializa». A moción conclúe esixindo ao Goberno galego que “centralice e realice en representación de todos os concellos e sectores afectados as xestións necesarias para a reclamación dos custes nos que incorreron e están a incorrer os mesmos, así coma das posibles indemnizacións que poidan derivarse como consecuencia desta situación”.