- O voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, afirma que o alcalde e o seu equipo non gobernan para a xente, senón para cubrir expediente e saír na foto.
O PSdeG de Coristanco critica con dureza a forma de actuar do goberno municipal do Partido Popular, que vén de convocar un pleno extraordinario «con présa e sen planificación» unicamente para tapar un requirimento da Deputación da Coruña e incluír un proxecto «amañado e fóra de tempo» que non resolve os problemas reais da parroquia de Verdes.
Segundo explica o voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, o proxecto presentado polo alcalde implica expropiacións a veciños e non atende a principal demanda da zona: mellorar os accesos ao refuxio de Verdes.
«O que precisan os veciños é facilitarlles o día a día e que os visitantes poidan chegar ao refuxio en boas condicións, non obras de escaparate que non solucionan nada», sinala Pérez Abelenda.
Os socialistas lembran que o proxecto está redactado desde setembro de 2024, pero o alcalde mantívoo agochado durante meses, sen actuar nin informar.
«Tiveron tempo dabondo para facer as cousas ben, pero agora, a última hora, sácano do caixón só para poder pedir diñeiro á Deputación. Iso non é gobernar, é enganar á veciñanza», denuncia o voceiro socialista.
O PSdeG acusa o PP de gobernar a base de parches e improvisacións, de costas á cidadanía e sen proxecto de futuro.
«O alcalde e o seu equipo non gobernan para a xente, senón para cubrir expediente e saír na foto. Unha vez máis demostran a súa incapacidade e a falta de compromiso coa parroquia de Verdes, algo que xa se ve na situación do refuxio», conclúe Pérez Abelenda.