Os socialistas de Coristanco amosáronse en contra do corte da AC-552 ao seu paso pola parroquia de Agualada ata o 10 de novembro, anunciado pola consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.
«Os socialistas denunciamos a falta de consideración do PP coa situación actual que están a sufrir os veciños e veciñas de Agualada”, sinala o voceiro do grupo municipal José Manuel Pérez Abelenda. “Fixeron o anuncio a través da prensa local, non tiveron a máis mínima decencia para informar as veciñas e veciños, comercios e establecementos do lugar”, afirma o socialista.
Pérez Abelenda denuncia que dende o Goberno popular do municipio “fan caso omiso da situación, que causa graves danos na vida da veciñanza”. Sobre todo, sinala, “dos negocios, que xa de por sí están totalmente illados debido á autovía da Costa da Morte, e por riba vense totalmente desamparados ante o actual alcalde e o concelleiro de Obras”.
“Dende o PSdeG-PSOE de Coristanco vemos excesivo que teñan que pechar totalmente a vía, cando obras de moito máis calado foron feitas unicamente cortando un só carril e regulando o tráfico a través de semáforos”, critica o voceiro socialista. O Grupo Municipal Socialista mantivo contacto con representantes das empresas e establecementos afectados, para coñecer de primeira man o malestar e os danos que pode causar o corte da AC-552 ata novembro. “Entendemos que haxa que facer algún corte total puntual durante as tarefas que poidan entrañar algo de risco, pero non se pode impedir a vida das veciñas e veciños cun corte total da estrada durante un mes e medio”, sinala Pérez Abelenda.
O voceiro do PSdeG no Concello lembra que “fomos os socialistas os que solicitaramos a senda e a ampliación da ponte no ano 2010 para unir Bormoio con Agrilloi, e o PP non fixo máis que perxudicar gravemente a Agualada, xa que atrasou as obras 12 anos”. “Por riba, agora queren cortar totalmente a vía de comunicación que moitos veciños teñen para ir ao centro médico, ao banco ou facer as compras para comer”, destaca.
“Dende o Grupo Municipal Socialista, esixímoslle ao Goberno do PP que se poña traballar polos veciños e deixe o amiguismo partidista ao lado, que interceda diante da Xunta de Galicia para que os veciños e veciñas de Agualada o menor impacto posible co corte da Comarcal 552”, concluíu Pérez Abelenda.