O PSdeG de Zas homenaxeará a Isabel Suárez Amado, figura clave do movemento asociativo local

2 minutes read
  • Será o 18 de outubro ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Zas, tras sete anos do seu falecemento.

Sheila Rial, voceira socialista local, sinala que será «un acto pensado dende o cariño e o respecto, no cal se outorgará un merecido recoñemento a una muller que adicou a súa vida a mellorar o seu municipio». 

Isabel, natural de San Cremenzo de Pazos, foi, explica Rial, «unha gran muller, vinculada ao PSOE de Zas dende 1995 e implicada de cheo na vida social e cultural de San Cremenzo e de Zas en xeral». «O seu falecemento no ano 2018 deixou unha enorme consternación en todo o municipio», engade. 

«Este 18 de outubro faráselle unha merecida homenaxe, dende o respecto e con todo o cariño para recordala e agradecerlle todo o que loitou por mellorar a súa vila e o seu concello», subliña a socialista. 

Para Rial, este acto «era algo que lle debíamos desde hai moito tempo, e é todo un honor poder facerlle esta homenaxe, que é unha forma de agradecer todo o que nos aportou e o que nos apoiou». 

«Estou moi contenta de poder facelo contando co beneplácito, o apoio e a asistencia de súa nai, a señora Élida, a quen lle agradezo a facilidade e o apoio que nos deu dende o minuto un para que esta humilde homenaxe sexa posible», afirma Rial. «Haberá unha entrega dun merecido recoñecemento que desvelaremos o propio día», apunta. 

Desde moi nova, Isabel estivo vinculada á cultura, formou parte da Escola Municipal de Teatro de Persoas Adultas de Zas e tamén ocupou numerosos cargos nas comisións de festas e na Asociación de Veciños da súa parroquia. Foi nas listas electorais do PSOE de Zas, dende 1995, durante varias lexislaturas consecutivas. 

«Isabel era moi querida e aínda o segue sendo, e entre o PSOE de Zas é recordada con moito agarimo e agradecemento, posto que sempre estivo disposta, aportando ideas de mellora, sempre dando ánimos, sempre tiña un sorriso que che alegraba o día», lembra a voceira socialista. 

O acto será na Casa do Pobo de Zas, na rúa Agra dos Cregos. «Non había mellor data para facerlle este homenaxe e darlle o recoñecemento que se merece, posto que nesa semana é o día da Muller Rural, un día no que se recoñece o papel clave das mulleres no desenvolvemento do rural, e non hai mellor exemplo que todo o que ela fixo a través da cultura, da política ou das interaccións sociais», salienta Rial. 

«Por suposto, é un acto aberto a todas as persoas que queiran acompañarnos na entrega do recoñecemento, e recordala e agradecerlle todo o que fixo», conclúe a socialista, engadindo que para o PSdeG local «é todo un honor poder facerlle este acto de homenaxe», concluíu.