Así o deu a coñecer a secretaria xeral da agrupación socialista local Sheila Rial durante o acto de homenaxe a Suárez Amado celebrado na Casa do Pobo. «Será un recoñecemento que levará o nome de Isabel e que se outorgará cada ano», avanzou.
A distinción será entregada «a unha persoa que realmente o mereza, unha persoa que, en honra do nome deste premio, a través da cultura, do deporte, da política, do asociacionismo ou da tradición, traballase, traballe e siga traballando por transformar a vida de Zas».
«Este recoñecemento leva impreso a Isabel, leva o seu nome e o seu deseño é unha I, que ademais de ser polo seu nome, simboliza a forza, o camiño, andado e o labor realizado», explica Rial. «Unha I que se converte no talo dunha rosa, simbolizando a esperanza, o amor, a igualdade, a lealdade e a esta familia da que sempre formará parte».
O premio Isabel Suárez Amado será outorgado anualmente por estas datas, celebrando tamén o Día da Muller Rural. «Despois de toda a súa dedicación como muller do rural que adicou a súa vida a mellorar a súa vila, a facer comunidade e a deixar pegada, isto non podía quedar nun só día, mereceo porque é un exemplo a seguir», conclúe Rial.