O PSdeG-PSOE de Zas entregará o vindeiro sábado 17 de outubro o Premio Mª Isabel Suárez Amado a María Luisa Roel Cebral (Marisa) e Estrella Balsas Pose, fundadoras da Asociación A Fonte de Fornelos, que este ano celebra o seu vixésimo aniversario. O acto terá lugar ás 18.00 horas no Local Social de Fornelos e estará aberto a toda a veciñanza.
Este galardón naceu co obxectivo de manter vivo o legado de Isabel Suárez Amado e recoñecer o labor das mulleres rurais de Zas que, a través da cultura, o asociacionismo, o teatro, a música, a tradición, a política ou outras iniciativas, contribúen a mellorar a vida do municipio e a fortalecer a comunidade.
A portavoz do PSdeG de Zas, Sheila Rial, destaca o significado deste recoñecemento, que busca perpetuar a memoria dunha muller referente e poñer en valor o traballo de tantas outras que contribúen ao desenvolvemento social e cultural dos seus pobos.
«É un premio ao recoñecemento que leva o nome de Isabel Suárez Amado. O premio leva impreso a Isabel, leva o seu nome, e o seu deseño é unha ‘I’ que, ademais de ser a inicial de Isabel, simboliza a forza, o camiño andado e a labor realizada. Unha ‘I’ que se converte no talo dunha rosa, simbolizando a esperanza, o amor, a igualdade, a lealdade e esta familia da que Isabel sempre formará parte», explica Sheila Rial.
As homenaxeadas son dúas figuras fundamentais na creación e consolidación da Asociación A Fonte de Fornelos. Estrella Balsas, veciña da localidade de toda a vida, foi quen impulsou a creación da entidade e exerceu como a súa primeira presidenta. E Marisa Roel, que chegou a Fornelos e se namorou da súa vida veciñal, foi mestra alí e incorporouse ao proxecto desde os seus inicios, sendo unha fundadora do mesmo.
Xuntas traballaron para construír un espazo de encontro e participación que, vinte anos despois, continúa a ser unha referencia para a comunidade. Ambas seguen vinculadas ás actividades da asociación e apoian o traballo da actual directiva, que lles profesa un especial afecto.
Sheila Rial considera que o premio recoñece unha traxectoria de compromiso colectivo e a capacidade de crear comunidade desde o ámbito local. «Este ano é moi merecido para dúas mulleres que fixeron unha verdadeira comunidade e, claro está, vendo o éxito de vinte anos da asociación», sinala. «As dúas falan de Fornelos cun amor profundo e da Asociación A Fonte de Fornelos con respecto, cariño e, sobre todo, con ganas de que continúe e de que siga tendo tantos éxitos como ata agora».
A portavoz socialista subliña tamén a importancia de que este recoñecemento sirva para reivindicar o exemplo de Isabel Suárez Amado e o papel das mulleres na construción dunha sociedade máis cohesionada. «Este ano é ademais moi especial poder outorgar este premio, creado con tanto cariño e respecto para seguir homenaxeando a unha persoa que o merece como Isabel, a Marisa e Estrella en Fornelos, porque ademais este ano a asociación cumpriu vinte anos e están protagonizando unha loita conxunta moi xusta e dando un exemplo enorme de unión», destaca.
A entrega do premio celebrarase con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data que o PSdeG de Zas quere aproveitar cada ano para visibilizar e recoñecer a contribución das mulleres á vida social, cultural e comunitaria do municipio.
«É un acto que será en Fornelos, no Local Social, a petición das homenaxeadas, e que estará aberto a toda a veciñanza que queira compartir estes recoñecementos: unha tarde de celebración, de recordar, de seguir co legado de Isabel e de felicitar estas dúas mulleres que tanto o merecen», conclúe Sheila Rial.
