O PSdeG defende un modelo eólico respectuoso coa paisaxe, o territorio e a vida da veciñanza


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu este martes a busca dun novo modelo eólico “equilibrado e sostible” para Galicia, reiterando a aposta do PSdeG por “avanzar na transición enerxética e ecolóxica” dunha forma “equilibrada e sostible”. Por iso, defendeu que “cómpre que a Xunta dialogue e busque acordos”.

Nesta liña, considera que hai que revisar “o modelo de enerxía eólica que se está plantexando en Galicia”. “Hai que poñer na neveira aqueles casos nos que se pon en risco o modelo de produción local e tamén nos que non se garante un equilibrio axeitado entre a enerxía, o territorio, a paisaxe e a vida da veciñanza”.

Os deputados socialistas no Parlamento galego “imos seguir traballando para apostar polas renovables pero tamén por un novo modelo eólico sostible, que non implique un modelo de depredación do territorio e que, ademais, teña que pasar polo consenso”, concluíu.