O PSdeG demanda á Xunta un plan contra a seca


A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle este xoves á Xunta “solucións con financiamento suficiente” para afrontar a seca en Galicia. A responsable socialista cualificou de “broma” a partida de 600.000 euros anunciada pola Xunta para erradicar as fugas de auga que, lembrou, apenas supón 1.900 euros para cada un dos 313 concellos de Galicia.

“Que me diga alguén que se arranxa con 1.900 euros”, resumiu a responsable socialista antes de reclamarlle ao goberno galego que elabore un Plan de Seca “con financiamento suficiente para que os concellos poidan erradicar o gran problema da falla de abastecemento de auga”. Reclamou tamén un mapa de capacidades dos recursos hídricos de Galicia como primeiro paso para tomar medidas eficaces fronte a este problema que xa é reiterado nesta Comunidade Autónoma.