O PSdeG denuncia a eucaliptización das brañas ubicadas entre Santa Comba e Coristanco


O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, presentou unha pregunta oral na Comisión de Medio Rural do Parlamento para denunciar a eucaliptización das brañas de Loira e da Serra, na parroquia de Castriz, entre os concellos de Santa Comba e Coristanco. Reclámalle “premura” á Xunta para actuar diante deste feito producido cando xa estaba en vigor a prohibición imposta pola Xunta, e que foi denunciado por Ecoloxistas en Acción.

O responsable socialista alerta deste “delito ecolóxico que se está a levar a cabo ante os ollos das autoridades medioambientais e forestais do goberno galego”, sen que teñan tomado ata o momento ningunha medida para evitalo ou restaurar o dano causado. Lamenta que Patrimonio Natural, en lugar de tomar cartas no asunto, teña respondido con lentitude á denuncia, que tamén foi presentada diante de Medio Ambiente e na Garda Civil.