O PSdeG denuncia o abuso do silencio administrativo por parte da Xunta

1 minutes read

A responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Teresa Porritt, denunciou o abuso do silencio administrativo por parte do goberno galego, un “exemplo de mala praxe administrativa que debe ser erradicada”. Porritt presentou unha pregunta oral en Comisión na que alertou do incumprimento das garantías ás que está obrigada a administración, provocando “indefensión e desconfianza” no administrado.

A responsable socialista levou á Comisión Institucional do Parlamento a alerta feita pública pola Valedora do Pobo no seu último informe, no que apunta a “carencias importantes pola inactividade administrativa e o recurso excesivo do silencio administrativo”. Resumiu que, segundo a Valedora, “os organismos públicos non se deben de amparar no silencio administrativo para non darlle resposta aos administrados”.

A responsable socialista sinalou a necesidade de garantir os procedementos por parte da administración, mentres que o “silencio constitúe un abuso que provoca indefensión, xera desconfianza no administrado e vulnera os seus dereitos”.