A voceira de CRTVG do Grupo Socialista, Noelia Otero, denunciou na Comisión de CRTVG do Parlamento, o veto da Televisión de Galicia e da Radio Galega á obra ‘A vella compañeira’ de Anxo Lugilde. Esta publicación, que aborda a problemática da saúde mental e foi cualificada pola crítica de forma compartida coma un “libro único”, foi noticia na “práctica totalidade de medios” a nivel rexional e estatal, agás nos medios públicos galegos.
Neste marco, a dirixente socialista cualificou de “cando menos curioso” que a obra “non teña eco nos espazos da nosa radio e televisión pública”, dada a súa “boa acollida” e cando mesmo o presidente do goberno de España convidou ao autor, a raíz da publicación do seu libro, a intervir na presentación do Plan de Acción 2021-2024 de Saúde Mental realizada no Palacio da Moncloa.
Por último, Otero lembrou que “a OMS estima que, polo menos, o 5% dos adultos de todo o mundo sofre depresión cada ano” e, “aínda que se trata da principal causa mundial de discapacidade, os especialistas consideran que segue sendo unha crise sanitaria desatendida”, polo que instou á entidade a darlle difusión e cobertura á saúde mental e, especificamente, a esta obra e ao seu autor como especialista nesta cuestión.