O PSdeG denunciou en Cee o ‘desmantelamento dos hospitais comarcais por parte do PP’

2 minutes read

A cabeza de lista do PSdeG-PSOE na provincia da Coruña, Patricia Iglesias Rey, acudiu ao Hospital de Cee xunto ao tamén candidato Aitor Bouza e a alcaldesa da localidade Margot Lamela para apoiar as reivindicacións do Concello á Xunta de Galicia respecto da situación deste hospital.

Iglesias comezou a súa intervención denunciando que “Feijóo e Rueda levan 15 anos desmantelando os hospitais comarcais, aumentando as listas de espera e forzando as derivacións ás cidades ou á sanidade privada”. Lembrou tamén que “os centros de saúde están a tardar ata máis de 15 días en dar cita para o médico de cabeceira ou para probas diagnósticas”.

“Por todo isto, as e os socialistas ímonos sumar este domingo á manifestación en prol dunha sanidade pública de calidade para todos e todas en Santiago de Compostela”, sinalou Iglesias en referencia á convocatoria da plataforma SOS Sanidade Pública.

A alcaldesa de Cee, Margot Lamela, explicou pola súa banda que “só fai falla ver o estado da fachada do Hospital de Cee para ver o estado da sanidade pública na Costa da Morte”. “Dende o Concello de Cee levamos máis de dous anos e medio reclamándolle a Xunta a limpeza da fachada, e a pesar das promesas, a día de hoxe aínda non se fixo nada”, lamenta.

“Esa limpeza non é só unha cuestión de imaxe, senón de salubridade, pois, por exemplo, no verán aparecen colonias de insectos nos ocos da ventilación que é necesario fumigar de xeito constante”, apunta a rexedora. “Din que hai un problema de orzamentos, pero parece que a Costa da Morte sempre é un problema orzamentario para a Xunta”, critica.

O candidato número 4 na provincia Aitor Bouza comprometeuse “a pasar das palabras aos feitos para cubrir as necesidades dunha vila como é Cee, que consideramos primordiais”. “Temos que garantir un servizo de proximidade, xa que para iso existen os hospitais comarcais, e nós imos facelo con Besteiro como presidente da Xunta”, afirmou.

“As persoas desta comarca teñen que poder ter unha atención pública de calidade e próxima, non ter que verse obrigados a ir ata as cidades ou fuxir aos servizos privados, que parece que é o que quere a dereita”, reclamou o socialista.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?