O PSdeG desminte ao PP: «Non hai unha partida específica para a reforma integral» do CEIP O Areal de Camariñas

  • A deputada socialista no Parlamento galego reta ao PP a apoiar a súa emenda para incluír dita partida nos orzamentos da Xunta para 2026.

Patricia Iglesias Rey, deputada socialista no Parlamento de Galicia, respondeu á parlamentaria do PP Paula Mouzo despois de que esta retase ao PSdeG a apoiar os orzamentos da Xunta para 2026 por incluír supostamente unha consignación para a reforma do CEIP O Areal de Camariñas.

«Eu lánzolle dende aquí outro reto, porque non hai unha partida específica, con nome e apelidos, para a reforma integral do centro educativo«, afirma Iglesias Rey. A socialista quixo pois «desmentir categoricamente» as afirmacións de Mouzo.

«Vamos presentar unha emenda aos orzamentos por parte do Partido Socialista, onde vamos incluír especificamente esa reforma integral do CEIP O Areal con nome e apelidos, a ver se o Partido Popular apoia a nosa emenda», sinala a parlamentaria socialista.

Iglesias Rey recalca que dende o Partido Socialista defenderon «absolutamente sempre a necesaria reforma integral do centro, que reclamou tamén a comunidade educativa e a súa alcaldesa Sandra Ínsua».

Ademais, criticou duramente «que se faga unha utilización partidista dos orzamentos da Xunta de Galicia». «Nós non sabemos sobre esa partida da reforma integral porque non se nos deu coñecemento», indica.

Para a deputada socialista, isto é «unha falta de respecto institucional aos partidos da oposición e un uso partidista por parte dos deputados do PP duns orzamentos públicos dos que teñen máis información privilexiada da que temos nós. porque vén dada da Xunta de Galicia».

Related posts

O BNG urxe á Xunta o pago da débeda contraída coas ortopedias da área sanitaria da Coruña-Cee

Deporte, convivencia e inclusión protagonizan os Xogos Inclusivos de Íntegro

A Garda Civil detén a un veciño de Fisterra como presunto autor de seis delitos de incendio forestal