O PSdeG esixe a inminente construción do polígono de Coristanco

Cedida.

O voceiro de industria do grupo socialista, Martín Seco, esixiu no Parlamento que o goberno galego leve a cabo a construción do Polígono Industrial en Coristanco, que segundo afirma, “levan prometendo os últimos vinte anos” , cun incumprimento que retrata tanto ao seu alcalde como o goberno galego.

O socialista trasladou á comisión de Industria unha proposición non de lei para reclamarlle á Xunta que leve a cabo esta obra que prometeu da man do alcalde de Coristanco en diversas ocasións. O propio alcalde aseguraba en xuño de 2019 que se non se facía esta obra “quedaría retratado ante os veciños”, polo que Seco confirmou que así quedou, “retratado”.

Unha obra á que xa se comprometera Carlos Negreira no 2009, responsable provincial do PP naquel entón, e o propio Feijóo como presidente da Xunta no 2019. No seu “incumprimento”, Seco preguntou ao representante popular na comisión se eles actuaron “con descoñecemento ou mala fe” á hora de facer esas promesas.

Nos orzamentos autonómicos para 2023 hai unha partida “ínfima” de 212.000 euros para este polígono, o que Martín Seco interpreta como unha cifra “claramente insuficiente”. Por iso, cre que o poñen no orzamento para “dicir que se vai a facer” con vistas á campaña electoral, “para que logo quede no esquecemento, unha vez máis”, concluíu.