A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamoulle a Portos de Galicia que garanta a cobertura da praza de práctico nos portos da Costa da Morte. Otero presentou unha pregunta na Comisión de Pesca do Parlamento logo de que os portos de Sada, Corcubión, Brens e Laxe quedaran sen esta figura durante os últimos dous meses logo de que a Xunta deixara sen substituír a xubilación do anterior práctico.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de centrarse unicamente en criterios económicos, cunha rebaixa tan acusada no prego de condicións para a convocatoria da praza que quedou deserta. Esixiulle á responsable de Portos de Galicia que “recapaciten” logo de acusalos de “comprometer a seguridade marítima, o mantemento dos postos de traballo das empresas” que utilizan estes portos e mesmo “comprometer a instalación de novas empresas”.
Advertiu que malia que o servizo está programado, e as empresas están obrigadas a avisar con 48 horas de antelación do atraque de barcos nos portos, “sabemos dos imprevistos que se poden dar”, polo que resulta “inoperativo” que teñan que avisar ao práctico de Ribadeo, a máis de dúas horas e media de distancia. Lamentou que “non aprendemos nada do desastroso suceso do Prestige” nas costas galegas.
Lamentou que Portos alegara a falla de actividade no mes de decembro, cando a empresa Xeal non xerou tráfico marítimo, pero advertiu que “saben da intención de instalar unha nova empresa de desguaces en Cee”, que necesita do servizo, cun buque de 900 toneladas que ten que atracar naquel porto no seu camiño dende Vigo. Lamentou que fagan “caso omiso” destas peticións, cando esta empresa “necesita un práctico e unha grúa que eliminaron”.