O PSdeG esixe unha ‘reforma integral’ do colexio Labarta Pose de Zas

O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia levará ao Parlamento galego a situación dos Centros Escolares de Zas, no concello de Zas, do CEIP Labarta Pose, e do CPI de Zas ante as “deficiencias estruturais e de mantemento” que, segundo indican, afectan á seguridade, ao benestar e á calidade educativa do alumnado e do persoal docente.

Segundo explicou a parlamentaria socialista Patricia Iglesias, os centros presentan graves problemas como goteiras e un estado xeral “lamentable” que motivaron a presentación de iniciativas parlamentarias para reclamar unha actuación integral por parte da Consellería de Educación.

Tal e como explicou Iglesias, a súa voceira, Sheila Rial, “expresou a súa preocupación polo estado dos centros fai tempo, mantendo reunións coa ANPA, traballando nos orzamentos desde outubro e trasladando as necesidades ao Parlamento”. Por iso, os socialistas tamén presentaron emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026 co obxectivo de que se incluísen fondos públicos destinados á reforma integral do CPI de Zas e do CEIP Labarta Pose. Segundo indicou Patricia Iglesias, esas emendas “non contaron co apoio do PP, pero o Bloque tampouco dixo absolutamente nada nin se interesou en presentar emendas para que Zas contara nos orzamentos da Xunta”.

Engaden que a educación pública non pode depender da “boa vontade das ANPA nin de parches temporais”.

A través da iniciativa parlamentaria, os socialistas instan á Xunta a recoñecer publicamente o deficiente estado das instalacións dos centros e a dotar unha partida económica suficiente para acometer no presente ano unha reformas do centros que garantan a seguridade do alumnado e do persoal docente.

Patricia Iglesias avanzou que seguirán traballando da man da voceira Sheila Rial e continuarán levando “a defensa dos Centros Educativos de Zas, do CEIP Labarta Pose e do CPI de Zas” ao Parlamento galego ata conseguir un compromiso firme da Xunta de Galicia para a súas reformas.

Related posts

A Asemblea Aberta do Profesorado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso súmase aos «martes en loita»

Adxudicado o proxecto para reducir as infiltracións na rede de saneamento da Laracha

Carballo aproba o proxecto de mellora do abastecemento e saneamento nos lugares do Monte, A Grela e A Ponte Rosende