O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiulle este xoves á Xunta que “cumpra coa Costa da Morte” e que incorpore aos próximos orzamentos as obras de continuación da autovía que a atravesa para “que sexa unha realidade iniciala en 2023. Formoso reuniu en Vimianzo aos alcaldes e alcaldesas, así como aos portavoces socialistas da comarca. Alí afirmou que a Xunta presentou antes das eleccións un proxecto de continuación da infraestrutura ata o núcleo de Calo que “a día de hoxe é papel mollado”, pois segue sen dotación orzamentaria nin licitación. Anunciou que os socialistas impulsarán iniciativas para que a infraestrutura “comece a ser unha realidade en 2023”.
Valentín González Formoso criticou máis dunha década de promesas incumpridas polos gobernos de Feijóo e Rueda, e salientou que malia que “parece que hai proxecto, o único que hai son papeis”.
Os socialistas galegos reivindicaron que a Xunta retome a autovía comprometida ata Fisterra, en concreto o tramo final entre Santa Irene e Calo -Vimianzo-, anunciado polo goberno galego antes das últimas eleccións autonómicas, pero que aínda está sen licitar. O líder dos socialistas galegos deu voz á reivindicación da Costa da Morte para denunciar o incumprimento dos compromisos acadados polo PP coa comarca.
Os responsables socialistas trasladaron unha demanda unánime para reivindicar unha infraestrutura fundamental para unha comarca que vén de padecer o que cualificaron de “anos de gobernos do PP que lle deron as costas”.
Formoso explicou que “a Costa da Morte é capaz de defenderse” grazas ao seu “dinamismo” socioeconómico e a que conta “cunha sociedade francamente admirable. Sen embargo, dixo, é “imposible” ofrecer as súas “xoias e tesouros” con capacidade económica necesaria “se non se lle dota dunhas infraestruturas de acceso mínimas”.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, resumiu que “queremos que -a infraestrutura- deixe de ser papeis e que sexa unha realidade”, e ademais engadiu a demanda histórica do seu concello de que a Xunta acometa a conexión da infraestrutura co polígono empresarial da localidade.