O PSdeG esíxelle á Xunta que desbloquee a variante de Carballo e a ampliación do polígono

2 minutes read

A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, esixiulle á Xunta que desbloquee o proxecto da Variante de Carballo, unha vía fundamental para desconxestionar o casco urbano de tráfico pesado. Otero presentou unha pregunta oral polo retraso desta infraestrutura, afirmou, «proxectada polo goberno socialista en 2007 pero que foi paralizada polo PP dende a súa chegada á Xunta en 2009».

Otero lembra que o proxecto debía estar rematado en 2013, pero “estamos a piques de comezar 2023 e non vimos ningún avance”. Puxo en dúbida o anuncio da Xunta de iniciar coas expropiacións e o proxecto de licitación no primeiro trimestre de 2023, xa que os orzamentos previstos pola Xunta resultan “insuficientes”, e ademais, incluso de cumprirse os prazos, “como mínimo ata 2025 non teríamos esta infraestrutura”.

A responsable socialista acusou ao goberno galego de “acordarse da infraestrutura só cando hai eleccións” á vista, pero que volve “desaparecer” no momento en que pasan os comicios. Así o dixo logo de que a Xunta recuperara a consignación dunha partida para o proxecto de cara a 2023, igual que fixeron ata o ano 2020, pero a partir daquela “as partidas desapareceron”.

Daquela, a Axencia Galega de Infraestruturas atopouse con que o proxecto estaba “caducado”, polo que fixaron un prazo de 20 meses para unha nova redacción, malia o que a día de hoxe segue sen ter sido resolto. Afeoulle que “vamos comezar 2023 e non vemos ningún avance” no proxecto, e lamento que o máis concreto que teñen anunciado é que o informe de impacto medioambiental está “próximo a resolverse”.

Otero sinalou a importancia desta vía para desviar o tráfico pesado do casco urbano de Carballo, sinaladamente na saída sur, unha estrada que atravesa incluso unha zona escolar e pola que circulan 15.000 vehículos cada día, dos cales 1.000 son tráfico pesado. Tamén reclamou a ampliación do Polígono de Bértoa, co chan industrial esgotado, e no que as empresas aloxadas contan cunha flota de 270 vehículos.