O PSdeG esíxelle á Xunta que garanta o emprego nas fábricas de Xeal en Cee e Dumbría

Martín Seco, PSdG-PSOE

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, presentou unha proposición non de Lei neste sentido no Pleno do Parlamento, que sen embargo foi rexeitada polo PP. Seco reclámalle ao vicepresidente económico do goberno galego que cumpra co seu compromiso de clarificar as cláusulas da concesión para que Xeal poida acatar a dita sentenza, tal e como se comprometeu nun encontro cos alcaldes da comarca no pasado mes de febreiro. Lembra que o conselleiro Conde “comprometeuse a estudar xuridicamente o caso para definir os parámetros a seguir para o mantemento da actividade e dos postos de traballo”. Apuntou que “non lles vale o argumentario para culpabilizar ao Estado da situación de Xeal, xa que neste caso, aínda que o prezo elevado do consumo eléctrico penaliza á produción de ferroaleacións, tamén prima a parte da empresa que se beneficia pola xeración de enerxía”.

Reclámalle tamén ao goberno galego que informe das condicións da venda da empresa, así como a situación industrial das plantas e o Plan de viabilidade presentado por Xeal, que aínda non foron feitos públicos. Sinala que a día de hoxe “descoñecemos o acordo entre os novos propietarios e o grupo vendedor”, pero si que “sabemos que Ferroglobe se converteu no único receptor da produción, ao tempo que se comprometía a subministrar materias primas clave”.

O responsable socialista sinala a importancia de “saber cal é este acordo, que cremos que a Xunta de Galicia coñece pero oculta, para saber se Xeal é libre para poder ter un proxecto industrial ou se simplemente aporta man de obra barata para Ferroglobe, que semella que é o que realmente sucede”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha