O PSdeG esixirá no Parlamento galego que Augas de Galicia realice analíticas da auga na contorna afectada pola rotura da balsa da mina de Monte Neme, co obxectivo de comprobar se existe contaminación. A demanda baséase en que nesta zona se extraeu volframio no pasado e en que a auga afectada desemboca no mar, polo que resulta fundamental coñecer o seu estado e evitar calquera risco ambiental.
Ademais, o PSdeG presentará unha batería de medidas preventivas, incidindo na necesidade de anticiparse e actuar con planificación, e non de maneira reactiva, para impedir que episodios coma este se repitan.
A rotura da balsa provocou un grave arrase ambiental, afectando de cheo ao entorno e causando importantes danos. Dende o epicentro do suceso, na coñecida como zona cero, o PSdeG ofreceu unha rolda de prensa para denunciar a falta de medidas preventivas por parte da Xunta de Galicia.
Segundo denunciaron os socialistas, durante os últimos 12 anos non se adoptou ningunha actuación efectiva dende a Consellería de Economía para evitar unha situación deste tipo. Aínda que, por sorte, non houbo que lamentar danos persoais —algo que o PSdeG agradece profundamente—, o impacto ambiental e os danos ocasionados foron de gran magnitude.
Na rolda de prensa participaron Patricia Iglesias e as agrupacións socialistas da comarca de Bergantiños, que reclamaron responsabilidades á Xunta e subliñaron que é imprescindible garantir que unha catástrofe coma a de Monte Neme non se repita, nin neste punto nin en ningún outro territorio galego.