- Antes de comezar o acto, alcaldes e voceiros socialistas da Costa da Morte sumáronse ao pésame polo pasamento da deputada viguesa Isaura Abelairas.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo unha xuntanza de traballo con alcaldes e voceiros socialistas de distintos concellos da Costa da Morte para reivindicar a importancia do Camiño dos Faros. Desde o castelo de Vimianzo, acompañado da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; a de Camariñas, Sandra Ínsua; a de Cee, Margarita Lamela; e o alcalde de Fisterra, José Marcote; entre outros representantes socialistas da zona, chamou á Xunta a “aliarse” con esta bisbarra impulsando a homologación desta ruta turística, porque “é fundamental para o desenvolvemento económico e para xerar emprego e riqueza na zona”.
Caballero incidiu en que “é hora de que a Xunta se poña a carón das alcaldesas e dos alcaldes da Costa da Morte para impulsar o Camiño dos Faros” e “faga un plantexamento de aposta e potenciación” que o converta en “referencia do turismo galego de calidade para todo o mundo”. O PSdeG seguirá levando ao Parlamento de Galicia iniciativas para poñer en valor esta ruta de sendeirismo de máis de 200 quilómetros que percorre “tantos concellos” da Costa da Morte . “É un xeito de poñer en valor a nosa fermosa natureza, a nosa cultura e a nosa tradición histórica”, destacou.
A alcaldesa anfitrioa, Mónica Rodríguez, agradeceu a visita de Gonzalo Caballero e sumouse á petición do dirixente socialista para conseguir que “dunha vez a Xunta poña todas as facilidades para que a homologación do Camiño dos Faros sexa unha realidade”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, reivindicou esta ruta como “vital” e “primordial” para os concellos da zona, xa que “case o 80% das persoas que visitaron Camariñas no mes de maio foi para percorrer o Camiño dos Faros”. “Temos que sentar coa Xunta e buscar unha saída”, destacou.
Por último, o alcalde de Fisterra, José Marcote, pediu unha “solución” que dea “seguridade xurídica” ao Camiño dos Faros. “Hai que saber conxugar o trazado ideal, que é o que temos agora, cunha posible homologación” cando “hai un pequeno conflito que hai que resolver”, sentenciou.