O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou que os socialistas galegos impulsarán unha declaración institucional de condena da invasión rusa sobre Ucraína no Parlamento de Galicia e nos concellos galegos. Os socialistas galegos instan aos grupos políticos presentes en ditas institucións a respaldar esta declaración de condena da agresión de Rusia sobre Ucraína e amosar a súa solidariedade co goberno e o pobo dese país, sinalando os esforzos desenvoltos a través da vía diplomática.
Estas declaracións institucionais respaldan a posición do Estado español e da UE reivindicando a legalidade internacional e o restablecemento inmediato da paz, apoiando ademais que a UE interpoña as sancións precisas co fin de que poidan ter efecto sobre o goberno ruso de Vladímir Putin.
O responsable socialista denuncia a intervención rusa como unha “violación flagrante do dereito internacional, da soberanía nacional e da integridade territorial de Ucraína” e polo que supón de “ataque frontal aos principios e aos valores –sinaladamente o compromiso coa paz- que teñen proporcionado anos de estabilidade e prosperidade en Europa”.