O PSdeG insiste na necesidade de ‘bonificar’ e posteriormente ‘eliminar’ a peaxe da AG-55

2 minutes read

A cabeza de lista do PSdeG na provincia Patricia Iglesias Rey e o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro visitaron Carballo para presentar a candidatura socialista para as eleccións autonómicas ante a veciñanza da comarca de Bergantiños.

“Teño o corazón cheo de orgullo de que os compañeiros e compañeiras socialistas contaran cunha carballesa coma min para liderar a súa candidatura na provincia”, sinalou Patricia Iglesias. “Aínda que son santiaguesa de adopción, nacín en Carballo e sigo a ter moito contacto con esta que é a miña terra”, sinalou

“Quero apoiar co meu coñecemento e a miña traxectoria profesional ao proxecto progresista que lidera José Ramón Gómez Besteiro, que sen dúbida algunha vai mellorar tamén a vida de toda a veciñanza da comarca de Bergantiños”, afirmou a candidata. “Queremos mellorar a vida da xente cun proxecto progresista que está preparado para liderar a Xunta de Galicia e entrar traballar dende o minuto 1”, engadiu.

Iglesias reclamou á Xunta ´de Galicia a bonificación da peaxe da autopista de titularidade autonómica AG-55, “algo que se leva reclamando dende que era moza”.

Fernández Piñeiro, pola súa banda comezou a súa intervención sinalando que “o Partido Popular ten aillada a esta comarca coa peaxe da AG-55, que supón un sobrecusto para a veciñanza de Bergantiños que non sofren outras zonas”.

“A Xunta de Galicia non ten previsto, polo que temos escoitado e polo que temos visto ao longo de todos estes anos, liberar esta peaxe, pero si solicita a outras administracións que si o fagan naquelas que son da súa competencia” afirmou o socialista. “O PP é moi dado a esixir a outros aquilo con que non cumpre e que é da súa competencia”, recalca.

Pola contra, Fernández Piñeiro explicou que a súa formación defende “que se liberen todas esas peaxes, facémolo con aquelas que son de titularidade estatal cando goberna o noso partido en Madrid, pero tamén o facemos coa Xunta de Galicia”.

“O PP de Galicia ten a capacidade de mudar esta realidade, pero decide seguir gravando as viaxes e os desprazamentos da veciñanza desta bisbarra”, critica Fernández Piñeiro. “Polo tanto, vimos aquí a adquirir o compromiso de adoptar as medidas necesarias para bonificar esas viaxes e posteriormente traballar para a eliminación completa da peaxe”, concluíu.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?