O PSdeG insta ao conselleiro de Sanidade a explicar as “preocupantes” cifras covid entre a xente nova


O Grupo Parlamentario Socialista considera que o conselleiro de Sanidade debe comparecer no Parlamento para explicar as “non alarmantes pero si preocupantes” cifras de incidencia da covid entre a poboación máis nova. Así o expresou o vicevoceiro socialista, Pablo Arangüena, durante a celebración da Deputación Permanente deste venres no Parlamento de Galicia.

Arangüena lembrou que, segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade, “Galicia xa é a segunda comunidade con máis incidencia pola Covid entre os 20 e os 29 anos”. Incidiu en que ademais está entre “as máis castigadas polo coronavirus na franxa que vai dos 12 e aos 19 e tamén se sitúa por enriba da media española na media xeral de todas as idades”.