O PSdeG lamenta que o PP vete a súa iniciativa contra a instalación abusiva de parques eólicos


O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, lamentou o voto en contra do PP a unha proposición non de Lei que presentou en Comisión parlamentaria para frear a instalación abusiva de parques eólicos en A Baña e comarca. A proposta instaba á Xunta a acordar un novo modelo eólico con concellos e comunidades rurais, mellorando a transparencia e a reversión de beneficios nos territorios afectados.

Martín Seco advertiu que co proxecto de troitomil -entre os concellos de A Baña e Negreira-, sumado aos parques que xa soportan, os converterían nos concellos cun maior número de parques eólicos de Galicia. Criticou que a Xunta faga caso omiso das alertas fronte á estratexia “descarada” da empresa de fraccionar en pequenos parques o que en realidade son unha única explotación para evitar así que sexa o Estado quen faga a declaración de impacto ambiental.

Ademais, no caso de troitomil, a poboación está claramente en contra do proxecto, incluído o PP local, ao que “non lle importa a incoherencia de rexeitar agora a iniciativa que antes apoiaron no concello”. O proxecto dispón dunha amplitude desproporcionada, segundo sinala o Concello, xa que ocupa 5 millóns de metros cadrados, incluíndo no seu interior varios núcleos de poboación, obviando ademais a Lei de montes, que impide construír sobre monte incendiado.