O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta a ampliación de 200 metros no dique de abrigo do porto de Malpica. O responsable socialista mantivo un encontro no Parlamento co candidato socialista á alcaldía da vila, Walter Pardo, para preparar as propostas reclamando unha actuación fundamental para a seguridade do porto e a economía do pobo.
Álvarez cualificou esta petición como “xusta, lexítima e razoable”, e que suporía un “cambio substancial” para Malpica, polo que lle reclamou ao goberno galego que “aposte polo porto e polo concello de Malpica. Pardo sinalou pola súa banda que Malpica necesita desta actuación “polo ben dos mariñeiros, da economía local e polo ben dun pobo, da súa seguridade e da súa economía”.
O candidato socialista explicou que a ampliación do dique de abrigo faría de Malpica un “porto de referencia” en Galicia, mellorando a seguridade nunha instalación que en 2018 se cobrou unha vítima mortal, e permitiría ademais o atraque dos arrastreiros para descargar mercadoría. Advertiu que “a vida de Malpica nace arredor dun porto que estamos a ver día a día que está a quedar sen actividade, o que provoca a diminución da poboación” da localidade.
Reclamou unha “aposta real” polo porto, que permitiría recuperar emprego e aumentar a riqueza do pobo, aproveitando unha situación xeográfica privilexiada grazas á boa saúde dos bancos de pesca dos que dispón nas proximidades.