O PSdeG levará ao Parlamento a destrución do humidal de Castriz, en Santa Comba

Cedida.

O deputado socialista, Pablo Arangüena, anunciou que o PSdeG levará o Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para reclamarlle á Xunta que investigue, dea explicacións e poña freo á destrución dun extenso humidal e zona de brañas e turbeiras no lugar de Castriz, no municipio de Santa Comba.

Arangüena -acompañado do tamén deputado socialista Martín Seco- visitou a zona, onde se está a transformar unha extensión de máis de cen hectáreas de turbeira e breixo nun enorme eucaliptal “que vai desecar este humidal e eliminar a vexetación”. Lembrou que, tanto este tipo de hábitats como esta especie, son “prioritarias”, segundo a directiva europea de hábitats.

O parlamentario do PSdeG sinala que se trata dunha das áreas de turbeiras e brezal máis extensos de Galicia. Porén, “a Xunta nin sequera o ten catalogado e, polo tanto, a efectos administrativos non existe e pódese destruír sen máis”.

Como mostra da súa importancia, Arangüena explica que malia que os humidais, como esta turbeira, non chegan ao 5% da superficie do planeta, estímase que proporcionan o 40% dos servizos ecosistémicos. Contan cunha enorme biodiversidade e achegan beneficios no ciclo da auga, no alimento de especies ou na prevención de inundacións e incendios.

Ademais, indica que as turbeiras, en particular, son un dos maiores sumidoiros de carbono do planeta e están ameazadas en Galicia pola eucaliptización, sobre todo, e polos proxectos eólicos. Así, lamentou que dos humidais galegos queda o 50% dos que había a principios do século pasado e tan so está teoricamente protexida unha mínima parte.

Esa falta de catalogación da gran maioría dos humidais galegos -en particular das turbeiras, que son sumidoiros de CO2- está levando a “que se permita a súa destrución acelerada e xeneralizada, sobre todo por plantacións de eucaliptos e parques eólicos, ante a total pasividade da Xunta”.

Nesta liña, Pablo Arangüena explica que existe un decreto do ano 2008 que obriga a elaborar un inventario dos humidais de Galicia, pero “o goberno de Feijóo, incriblemente, négase a cumprir a súa propia normativa e tamén a acatar a europea”, concluíu.