O PSdeG pide explicacións sobre o peche da Casa de Galicia no Uruguai

1 minutes read

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, sinalou ao conselleiro de Presidencia, Rueda Valenzuela, como responsable de “perder o legado patrimonial” da Casa de Galicia en Montevideo. Denunciou que estea “centrado en ver se herda a leiriña, e completamente ausente dos asuntos da máxima relevancia”, como o peche desta institución.

Aludiu así á preocupación do conselleiro por situarse como sucesor de Feijóo mentres desatende a función de goberno. A conclusión, explicou, é que “primeiro perderon a Casa de Galicia de Buenos Aires, e agora 105 anos de patrimonio, de legado cultural dos galegos e galegas en Uruguai, a cuarta comunidade galega no mundo, tíranse, abandónanse e non se fai absolutamente nada por preservar o seu patrimonio”.

Aludiu á batería de iniciativas que o PSdeG ten presentado no Parlamento de Galicia, para que respondan “con urxencia” e “dean explicacións e, se é necesario, asuman as responsabilidades correspondentes”. Sinalou que precisamente este feito simboliza o “fin de etapa” que vive o PP galego, por canto “ninguén imaxina que un goberno de Fraga ou Touriño deixaran morrer un legado cultural como o que tiñamos en Uruguai”.