O PSdeG pide medidas para garantir o emprego e os dereitos laborais nas factorías de Xeal  

2 minutes read

O deputado socialista Martín Seco subliñou a “complicidade” da Xunta de Galicia no “deterioro paulatino” que está a sufrir a fábrica de Xeal en Cee, unha situación de desmantelamento da que o goberno galego é “colaborador necesario”.

Fíxoo a través dunha pregunta na Comisión de Industria do Parlamento, onde puxo en evidencia a “ocultación” e a falta de medidas da Xunta ante a delicada situación que está a vivir o seu cadro de persoal. “Son continuas e unánimes as denuncias do comité de empresa sobre que se está a agravar o desmantelamento progresivo das fábricas de ferroaleaxes”, lembrou. Tamén o son as queixas por “prácticas represivas, ataques á liberdade sindical e despedimentos arbitrarios”.

Neste contexto, Martín Seco preguntoulle á Xunta polas medidas que ten previsto adoptar para garantir o mantemento dos postos de traballo e a actividade. Así, reiterou a necesidade de dar cumprimento á sentenza do TSXG que di que a non segregación das actividades se fixou para asegurar a mantemento do emprego nunha comarca deprimida como é a Costa da Morte.

Con este punto de partida, reivindicou que a Xunta fixe uns criterios de cumprimento desa condición establecida por sentenza xudicial. Ao mesmo tempo, instou a facilitarlle ao comité de empresa as condicións nas que se produciu a venda da empresa, o plan de viabilidade e a situación industrial na que se atopan as plantas de Cee e Dumbría.

De maneira complementaria, Seco reclamou que o goberno galego se dirixa á inspección de traballo para que abra unha investigación polo despedimento dun dos membros do comité de empresa. Ese despido produciuse despois de que o traballador participase como testemuña de dúas empregadas que denunciaron e gañaron un xuízo por un caso de acoso. Nesta mesma liña, tamén pide que se aclare por que a empresa mantén “sospeitosamente” no seu posto ao acosador.