O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou este xoves as “gravísimas declaracións” realizadas polo conselleiro de Facenda nas que chegou a poñer en cuestión o abono das nóminas dos empregados públicos e instou a Feijóo a corrixilo inmediatamente.
“Se con todas as posibilidades financeiras e todos os mecanismos da Xunta, e cun orzamento de case 10.000 millóns de euros, non son quen de eliminar calquera dúbida ao respecto, Feijóo ten que poñer ao conselleiro de Facenda fóra das súas responsabilidades. E se Feijóo non pode dicir hoxe mesmo que o pago das nóminas e aos provedores está garantido, ten que asumir que non é o presidente que Galicia necesita”, remachou Gonzalo Caballero.
Deste xeito, o líder do PSdeG reprobou o “alarmismo político” ao que está tentando xogar a Xunta, que leva todo o mes de agosto falando dun “agravio a Galicia” en relación coas entregas a conta para “confrontar co goberno socialista”. Un goberno, engadiu, “nitidamente comprometido co financiamento do Estado das autonomías” que incluía no seu proxecto de orzamentos un incremento de máis de 7.000 millóns de euros para as comunidades: 4.700 millóns de euros para as entregas a conta e 2.500 millóns de euros máis correspondentes ao IVE.
Sen embargo, como recordou Gonzalo Caballero nunha comparecencia ante os medios de comunicación, “o PP de Casado e de Feijóo” votou en contra destas contas, bloqueando a posibilidade de transferir eses fondos, como acredita a propia Avogacía do Estado. “En política hai que ter responsabilidade e, cando un vota, ten que ser responsable das súas decisións”, advertiu, crítico con que “o PP prende lume, convértese en incendiario, e agora quere aparecer como bombeiro”.
É mais, o máximo dirixente dos socialistas galegos sinalou que “este mércores quedou en evidencia que Feijóo está xogando coa Xunta en función dos intereses do PP”, cunha estratexia conxunta de aparicións públicas en Galicia e no resto das comunidades nas que o PP goberna grazas a Vox.