A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galicia para reclamarlle a Augas de Galicia que presente a proposta de obras para previr o risco de inundacións en Ponteceso que comprometeron co anterior alcalde da localidade, o socialista Xosé Lois García Carballido.
A responsable socialista sinala que o compromiso acadado por Augas de Galicia incluía ter presentada unha proposta de obras de ARPSI -Área de Risco Potencial sobre Inundacións- en setembro de 2023 co obxectivo de mitigar o risco de inundacións na localidade. Sen embargo, a día de hoxe nada se sabe daquela proposta, malia que o alcalde mantivera varias reunións en Santiago co equipo técnico contratado por Augas de Galicia.
Advirte que os socialistas galegos presentarán esta iniciativa aos veciños “casa por casa e negocio por negocio” para facerlles chegar a proposta e escoitar as súas demandas, xa que a día de hoxe o centro urbano da vila segue a sufrir as consecuencias das inundacións, en especial os inmobles da Avenida Eduardo Pondal.