O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle á conselleira do Mar que “volvamos á casiña de saída”, antes de que entraran “como elefante en cacharrería” provocando o conflito da recollida da mexilla. Torrado presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamarlle á conselleira que dean marcha atrás para “intentar facer as cousas mellor do que vostede as fixo”, apuntou Torrado.
O responsable socialista apelou á intervención do presidente da Xunta en persoa logo de constatar que “ninguén os recoñece xa como interlocutores” para resolver o conflito, pero advertiu que “marchou máis rápido que o presidente da Deputación de Ourense”. Aludiu así á información coñecida de que Baltar fora interceptado en Zamora cando circulaba a 215 quilómetros por hora mentres conducía un vehículo oficial do ente provincial.
Emprazou á participación do presidente da Xunta en primeira persoa, a quen “haberá que preguntarlle” para que se poña á fronte do conflito debido á “inflexibilidade” amosada pola conselleira do Mar, que “non quere escoitar a ninguén” e mesmo “cesou a cargos do seu departamento que avogaban por falar e escoitar”, concluíu Torrado.