O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu no Parlamento, o “avance” en mobilidade para a recuperación poscovid e sinalou que “trala chegada do AVE e as rebaixas da AP-9, cómpre abordar novos retos e que a Xunta faga algo”.
Neste orde de cousas, o voceiro socialista chamou á Xunta a “levantar” as peaxes das autoestradas galegas AG-55 e AG-57, unha vez que a conselleira de Infraestruturas está a pedir “unha nova rebaixa nas peaxes da AP-53” no tramo de Lalín a Santiago. “Ademais de pedir, a Xunta ten que dar trigo”, sentenciou.
“Paréceme ben que dende Galicia queiramos pedir rebaixas, pero é hora de que o goberno de Feijóo tome medidas de calado e traballe na gratuidade das autoestradas galegas de Carballo e Val Miñor”, sinalou, xa que “con poucos millóns de euros poden poñer a libre circulación” e, en definitiva, “poñer algo da súa man” en cuestión de infraestruturas.
“É un sen sentido que a conselleira se negue a levantar as peaxes en Carballo e Val Miñor”, destacou logo de lembrar que o goberno de España “inviste en rebaixas das peaxes en Galicia cen veces máis do que inviste a Xunta”.