O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o responsable de Educación, Luis Álvarez, acompañados pola deputada Isaura Abelairas, presentaron un decálogo de medidas encamiñadas a conseguir que, fronte á “inacción” da Xunta, a volta ás aulas no vindeiro mes de setembro, poida facerse “con garantías” para toda a comunidade educativa. Neste documento figuran propostas como a contratación de máis docentes e a habilitación de novos espazos para poder reducir o número de alumnos por aula. Ao respecto, o líder do PSdeG sinalou que os concellos, con exemplos como o de Culleredo ou o de Baiona, están poñendo a disposición da Xunta instalacións municipais, ao tempo que subliñou que os fondos consignados polo goberno permitirían contratar preto de 2.000 profesores máis. Entre outras medidas está a reclamación dun plan de dixitalización que dote a todos os escolares dun ordenador que lles permita seguir as súas clases en liña, que se dote a todos os centros escolares de sistemas de control da temperatura corporal no momento do acceso, de alfombras desinfectantes e de dispensadores automáticos de xel hidroalcólico, compensando aos concellos, sobretodo aos máis pequenos, polos gastos extraordinarios de limpeza e desinfección.
36