O PSdeG presenta un plan para a reactivación con máis de 300 medidas

Cedida.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu este sábado ante os medios para presentar as máis de 300 medidas que compoñen o plan para a reactivación que os e as socialistas levarán ao Parlamento para “dar futuro a Galicia”.

“Rectificamos as debilidades da Xunta para impulsar a economía, xerar emprego e defender ás persoas”, sintetizou o líder socialista logo dunha xuntanza co presidente do PSdeG e coordinador da Interparlamentaria, Xoaquín Fernández Leiceaga; os deputados no  Congreso Ana Prieto e Guillermo Meijón e os parlamentarios Pablo Arangüena e Paloma Castro.

Caballero amosou ao PSdeG como “unha oposición responsable” e que está “á altura das circunstancias” para facer un bo traballo parlamentario neste eido e para impulsar a unha Xunta que “carece de impulso” para a reconstrución de Galicia trala pandemia e que “acumula demasiados suspensos”.

O líder socialista propón un plan de emprego xuvenil para 3.000 mozos e mozas, un programa de reapertura de negocios pechados, o reforzo da nosa I+D+i con 2.000 novos investigadores, máis financiamento para os servizos sociais municipais e contratos para 5.000 profesionais sanitarios.