O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta “un novo modelo eólico pactado cos concellos e comunidades rurais, que aposte pola democratización do sector e elaborando un novo plan sectorial”.
Así o dixo logo dunha xuntanza co alcalde de A Baña, José Antonio Pereira, afectado pola instalación de muíños en Troitomil, a escasos metros das vivendas; e á que acudiu xunto ao vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena.
O responsable socialista reclamoulle ao conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e ao responsable de Enerxía e Minas que respondan das solicitudes de xuntanza do alcalde da localidade “e o reciban canto antes”. Seco alertou do impacto medioambiental deste proxecto, agravado pola proximidade dos muíños aos núcleos habitados, de apenas 500 metros para unhas instalacións de ata 200 metros.
Pola súa banda, o alcalde da Baña amosou o seu desacordo con esta nova instalación, dado que “existe unha saturación de parques eólicos na contorna”. Ademais, censurou a proximidade desta nova infraestrutura coas vivendas, o que pode xerar “un enorme prexuízo para as veciñas e veciños da Baña”.