O PSdeG Provincial da Coruña lamenta o «abandono» da comarca de Bergantiños nos orzamentos da Xunta para 2026 

O secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro sinalou isto nunha rolda de prensa en Carballo que contou coa participación tamén da parlamentaria socialista Patricia Iglesias e das voceiras e voceiros socialistas dos diferentes concellos da bisbarra, que enumeraron as diferentes carencias dos orzamentos nos seus respectivos municipios. 

Fernández Piñeiro afirmou que este abandono é «una dinámica que estamos vendo en distintas bisbarras de provincia que son historicamente castigadas nos orzamentos da Xunta, xa que se repite o mesmo patrón orzamento tras orzamento». 

O socialista comezou sinalando que «é curioso que a Xunta de Galicia utilice titulares grandilocuentes para reclamarlle ao Estado a liberación de peaxes naquelas estradas e autoestradas que son de competencia estatal» mentres non fai o propio coas da súa titularidade. 

«Non hai nin un céntimo neste orzamento da Xunta de Galicia para o vindeiro ano para liberar esas dúas peaxes que ten a AG-55», sinala o secretario xeral provincial. 

Lembra tamén que estas peaxes lastran as comunicación «xa non só para o propio desprazamento a título persoal dos cidadáns» senón tamén «para as mercadorías, para as empresas». «Todo o que sexa gravar o transporte ten unha repercusión directa nos prezos», engade. 

En resumo, para o socialista «non hai unha aposta clara polo futuro dende o punto de vista do emprego e a xeración de riqueza nesta bisbarra a través dos orzamentos, que son a mellor ferramenta para poder facelo, pero tampouco hai o punto de vista das infraestruturas». 

«Infraestruturas de carácter educativo ou social, pois vemos que seguimos máis ou menos na mesma dinámica de total desleixo por parte desas dúas consellerías», afirma, apuntando tamén que a sanidade, «sobre todo coa atención primaria, que está totalmente abandonada». 

Un 21% menos de investimentos 

Pola súa banda, Patricia Iglesias Rey destaca «desde o 2022 ata os orzamentos do 2026, unha rebaixa do 21% nos orzamentos da Xunta de Galicia dedicados á comarca de Bergantiños». «Amosa que evidentemente hai un esquecemento absoluto desta desta comarca», denuncia. 

«Non sei cantas veces levei ó Parlamento o tema de ampliación do polígono industrial de Carballo, o de Coristanco tamén, e o que arrinquei da directora xeral foi que como moito estarán no 2028», critica a deputada socialista. «Se queren vir aquí as empresas non se poden instalar», advirte. 

A parlamentaria lembrou tamén «a autovía da Costa da Morte, que non sei cando o veremos rematar». «Un proxecto socialista, de Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia no bipartito, xa pasaron 17 anos», lembrou. 

«Seguen prometendo, prometendo, prometendo», sinala, sen que apareza na plataforma de contratación da Xunta un proxecto que, en todo caso, «non vai ser moito porque non vai a ter dobre carril». 

Related posts

O BNG lamenta a aldraxe á Costa da Morte cos prazos das obras do primeiro tramo do corredor, que rematarán en 2029

O Concello de Zas prepara un completo programa de actividades polo 25N

Un veciño da Laracha perdeu a vida logo dun accidente entre dous coches e un camión en Culleredo