O PSdeG-PSOE de Corcubión denuncia a “forma de gobernar” do actual executivo municipal

Acúsao de actuar “á marxe dos procedementos e das normas” de maneira reiterada, mentres á veciñanza “se lle esixen limitacións e requisitos estritos, especialmente no casco histórico”.

Segundo explicou o grupo socialista, o propio alcalde recoñeceu no último pleno que o Concello decidiu pintar un mural nunha fachada do casco histórico sen convocar comisión de patrimonio e sen solicitar ningún informe técnico que acreditase a súa adecuación ao PEPOCH (Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico de Corcubión).

A cultura e a arte enriquecen Corcubión e queremos felicitar á artista Laura Suárez polo seu gran traballo”, subliña o PSdeG-PSOE. “Pero unha actuación nun inmoble protexido debe facerse con rigor, garantías e respecto escrupuloso aos informes e trámites que se lle esixen a calquera veciño ou veciña”, engaden.

Os socialistas tamén trasladan outras cuestións expostas no pleno, como a instalación de cámaras de tráfico “sen boletín nin alta na compañía eléctrica”, un extremo, que de confirmarse, “podería comprometer a validez de posibles sancións asociadas a eses dispositivos”.

Entre os exemplos citados, o PSdeG-PSOE de Corcubión menciona igualmente a colocación de sinalización “sen modificación previa da ordenanza de tráfico” e o incumprimento de mocións presentadas pola oposición e aprobadas en pleno.

Por todo isto, o PSdeG-PSOE de Corcubión reclama ao goberno municipal:

  • Regularizar e documentar as actuacións realizadas conforme á normativa vixente.
  • Convocar os órganos e comisións correspondentes, especialmente en materia de patrimonio, antes de intervir no casco histórico.
  • Garantir transparencia e seguridade xurídica, evitando decisións sen respaldo técnico nin procedementos regrados.

Related posts

Entregados os premios da IV edición do concurso fotográfico ‘A Laracha no Obxectivo’

Nova iniciativa parlamentaria do BNG en relación co transporte público na Costa da Morte

Vimianzo inaugurou a súa pista de xeo natural