O PSdeG-PSOE volve reclamar á Xunta de Galicia a dotación dunha ambulancia medicalizada permanente para Bergantiños e a Costa da Morte, unha reivindicación histórica da comarca que leva máis de dúas décadas sen obter resposta. A deputada autonómica Patricia Iglesias denuncia que a falta deste recurso obriga aos veciños a depender de unidades desprazadas desde outras zonas, co conseguinte incremento dos tempos de resposta ante emerxencias sanitarias graves.
A parlamentaria lembra que en abril de 2026 o Partido Popular votou en contra dunha iniciativa presentada polo PSdeG no Parlamento de Galicia para reclamar este recurso sanitario, malia tratarse dunha demanda reiterada durante máis de vinte anos pola veciñanza e diferentes entidades da comarca.
Neste sentido, Iglesias fai referencia a recentes emerxencias que, ao seu xuízo, evidencian a necesidade de reforzar a asistencia sanitaria de forma urxente. Entre elas, menciona un grave accidente ocorrido fai meses na peaxe de Carballo, no que foi necesario desprazar ambulancias medicalizadas desde A Coruña, así como «o falecemento o pasado mes de febreiro dun neno de dous anos tras sufrir un atragoamento en Carballo, un caso no que a chegada do soporte avanzado demorouse máis de media hora», denuncia.
«Cada minuto que se perde é unha lotería mortal para 100.000 veciños desta comarca. O goberno galego do Partido Popular non pode seguir dicindo que este servizo non é necesario, mentres dependemos do azar ou das estradas colapsadas», advirte a deputada socialista.
O PSdeG considera que as distancias aos hospitais de referencia e as características do territorio fan imprescindible contar cunha unidade de soporte vital avanzado con base permanente na zona, que permita mellorar a capacidade de resposta ante accidentes e outras situacións de especial gravidade.
Iglesias insiste en que a atención ás emerxencias sanitarias non pode depender do lugar de residencia e reclama ao Goberno de Alfonso Rueda que reconsidere a súa posición e dea resposta a unha demanda que conta cun amplo respaldo institucional e social na comarca.
«Desde o PSdeG dicimos basta. Esiximos unha ambulancia medicalizada permanente xa para Bergantiños e a Costa da Morte. Unha reivindicación histórica, de máis de vinte anos. A nosa vida vale o mesmo que a de calquera outra comarca de Galicia», conclúe Patricia Iglesias.
