O PSdeG-PSOE reclama investimentos para a reparación da drenaxe da pista de skate da Laracha

Segundo denuncian os socialistas, a pista de skate da Laracha presenta acumulacións de auga nos días de choiva, impedindo o seu uso e xerando dificultades para a práctica deportiva. Situación que dín, “ten a súa orixe na construción da instalación, cando xa se advertira a ausencia dun sistema de drenaxe axeitado”.

A voceira socialista, Inés Ramos, sinala que “cada vez que chove, as rampas inúndanse”, o que, segundo indica, “xera un perigo para os veciños e veciñas que usan estas instalacións e fai que as pistas queden inutilizables”. Ramos considera que se trata dun problema “sistemático, que se dá dende o momento no que se crearon estas pistas”.

Recentemente, o Goberno Local aprobou o Plan de Melloras das Instalacións Deportivas a través do POS da Deputación, que inclúe actuacións en pistas polideportivas, circuítos de calistenia, sendeiros e mobiliario urbano situados nas inmediacións do skatepark. A portavoz socialista destaca que, malia estas actuacións, “en ningún caso se contempla arranxar este problema que ocorre desde que se fixo o skatepark”. Neste contexto explicou que “non podemos permitir que un espazo público siga sendo unha piscina improvisada mentres se invisten recursos en todo o demais”.

Inés Ramos cualifica esta situación como unha mostra de “neglixencia reiterada” e afirma que a exclusión da pista no plan de investimentos supón “unha falta de respecto e un desprezo evidente á xuventude de A Laracha”. Ademais, demanda “responsabilidade e competencia, porque xa está ben de tanta incompetencia do noso alcalde”, insistindo en que a situación non cambiará “até que non se instale un desaugadoiro”.

O Grupo Socialista solicita ao Concello unha intervención “inmediata” para resolver o problema de drenaxe e incorporar a pista de skate aos próximos investimentos municipais. Segundo Ramos, “a xuventude non merece que se ignore o seu dereito a practicar deporte e o Concello debe asumir a súa responsabilidade e garantir que a pista de skate pase a ser un espazo funcional, seguro e digno”.

A voceira socialista rematou afirmando que “dende o noso grupo faremos todo o necesario para que esta situación cambie canto antes”.

Related posts

Novo convenio de colaboración entre o Concello de Carballo Vieiro para a prevención das drogodependencias

Obras de mellora da estrada entre os núcleos do Lorteiro e Goexe, na Laracha

Camariñas solicitará a adscrición da antiga Escola Náutico Pesqueira á Tesourería Xeral da Seguridade Social