O PSdeG-PSOE valorou os orzamentos da Xunta para 2026 desde Dumbría

A deputada socialista Patricia Iglesias Rey encabezou este xoves en Dumbría unha rolda de prensa de valoración dos orzamentos da Xunta para 2026, acompañada de alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas da Costa da Morte. Iglesias sostivo que as contas autonómicas «volven esquecer esta comarca tan importante», e advertiu de que a cidadanía percibe unha discriminación territorial: «Parece que hai veciños e veciñas de primeira categoría e veciños de segunda, como pasa nesta bisbarra». 

A deputada puxo o foco no que definiu como «afogamento» dos concellos por competencias impropias. Relatou que os municipios están asumindo gastos que deberían corresponder á administración autonómica, «dende o Servizo de Axuda no Fogar ata obras en centros de saúde ou colexios».

Tamén fixo referencia á autovía da Costa da Morte, que continúa sen rematar malia as «promesas» reiteradas e destacou que «é verdade que agora anuncian o tramo de 5,5 quilómetros ata Santa Irene, pero ese mesmo proxecto anunciouno Feijóo en 2014. Estamos en 2025. Foron anos e anos de promesas incumpridas». Engadiu que a Xunta adoita visitar a comarca en períodos electorais, pero depois «a Costa da Morte queda esquecida», e reivindicou que o territorio «merece respecto, recursos e un goberno que non o trate como unha esquina afastada nos mapas». 

Deste xeito, Iglesias cualificou os orzamentos de «absolutamente raquíticos» e afirmou que «o goberno da Xunta goberna moito para os seus, para os concellos do PP». Criticou tamén as declaracións de Paula Prado en Camariñas e defendeu que os socialistas «preocupámonos dos problemas da xente, da sanidade e da educación», así como de que os concellos non sigan soportando competencias que non lles corresponden. Lembrou que o PSdeG presentou máis de trinta emendas para a comarca, aínda que supón que «o PP as rexeitará». 

Os representantes municipais socialistas de Dumbría, Carnota, Fisterra, Zas e Corcubión coincidiron en denunciar a falta de investimentos en infraestruturas básicas, servizos sociais, centros de saúde e melloras nos colexios e espazos públicos. Subliñaron que, ano tras ano, as demandas locais non se reflicten nos orzamentos autonómicos, afectando a calidade de vida e a prestación de servizos nos distintos concellos da comarca. 

A rolda de prensa concluíu cun chamamento conxunto á Xunta para que «teña en conta» as necesidades urxentes da Costa da Morte e revise uns orzamentos que, segundo os representantes presentes, deixan novamente á comarca sen as inversións que leva anos esperando. 

Related posts

Morre un motorista de 28 anos nun accidente en Moaña

Arrincaron en Carballo os obradoiros escolares do programa Enreguéifate

Unha muller resultou ferida a causa dunha caída de altura en Cerceda