O PSdeG reclama en Carballo máis medios para o servizo de comedor escolar en Bergantiños e a Costa da Morte

1 minutes read

O PSdeG-PSOE reuníuse en Carballo con cociñeiras e cociñeiros do servizo de comedor escolar de Bergantiños e da Costa da Morte, amosando apoio ás súas reivindicacións.

Participaron na xuntanza os membros do Parlamento galego Patricia Iglesias Rey e Aitor Bouza, así como Lois Carballido, secretario de educación da executiva provincial, e José Manuel Pérez Abelenda, voceiro socialista en Coristanco.

Iglesias Rey afirmou que se tratou dunha xuntanza «moi frutífera», na que as traballadoras lles trasladaron as súas reivindicacións como persoal dependente da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

«As cociñeiras reclaman máis medios e, sobre todo, máis recoñecemento ao seu gran labor, ao seu gran traballo», sinala a deputada no Parlamento.

«A Xunta está claro que aposta por un modelo de catering e produtos precociñados e non por cociñas propias nos centros educativos», lamenta.

Iglesias Rey lembra que «as socialistas xa presentamos en febreiro de 2025 unha iniciativa no Parlamento precisamente para que nos hospitais, residencias ou centros educativos se aposte polos produtos nosos, polas nosas legumes, polo noso peixe e polas nosas verduras, que se fomente o consumo de produtos locais».

«Ademais, cabe lembrar que a Xunta non está facendo nada, sabendo que hai que aplicar unha normativa estatal de abril de 2026 que precisamente o que quere é fomentar eses produtos nosos», indica a parlamentaria socialista.

«En definitiva, a Xunta tira balóns fóra mentres premia a comida precociñada para os nosos nenos e nenas en vez de fomentar a cociña propia nos centros», conclúe a deputada socialista.