O responsable de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado Quintela, alertou da falta de persoal sanitario no centro de saúde e o PAC de A Laracha en casos de vacacións ou baixa dalgún profesional. Torrado presenta unha proposición non de lei na Comisión de Sanidade no Parlamento para pedir a cobertura das baixas no Centro de Saúde e no PAC de A Laracha garantindo o número axeitado de profesionais.
Torrado sinalou as repercusións desta falta de persoal na Atención Primaria sobre os habitantes do Concello que están a sufrir “demoras na atención e retrasos na concesión de citas”. O Centro de Saúde de A Laracha conta con 6 consultas de facultativo de Atención Primaria que “pasa en numerosas ocasións por días en que non todas as consultas están dispoñibles porque non se cobren as baixas”.
A situación no PAC non é mellor “ao quedar en moitas ocasións con menor número de equipos dos que marcan como necesarios os baremos que a propia Xunta de Galicia utiliza para os seus criterios”. Esta situación repercute na capacidade dos profesionais de ofrecer unha atención de calidade o cal repercute directamente sobre os cidadáns.
O deputado sinalou que a situación da sanidade galega está a ser vítima dunha “política de recortes e de decisións curtopracistas” ao amparo do goberno de Núnez Feijoo durante os últimos 10 anos. A deficiente política de Recursos Humanos afectou principalmente á Atención Primaria a cal se atopa “ante un escenario de difícil cobertura”.
A resposta por parte do Goberno da Xunta de Galicia ante esta situación “é moi limitada” e non se adecúa aos “baremos e estándares sobre cadros de persoal e cupos”.